08-08-2010
Nun artigo de hai xa algúns meses publicado neste mesmo dixital de Rosa Bugallo debullábase con acerto a evolución das festas populares do país cara ao actual modelo das chamadas "verbenas", moito máis mercantilizado e, sen ningunha dúbida, alleo á nosa tradición cultural e festeira. Uns espazos privilexiados, e moi concorridos en boa parte dos casos, especialmente nas festas consideradas de máis sona, que ben podían ser aproveitados para popularizar os nosos produtos culturais autóctonos, a comezar polos nosos creadores musicais, moitos dos cales nada lle teñen que envexar aos grupos e artistas foráneos de moda canto a "modernidade", vangardismo e xa non digamos calidade.
Semella claro que sen galego non hai Galiza. E sen cultura galega non pode haber un futuro para o noso idioma. Existen varias vías abertas para relegar a cultura galega, a principal delas é facela inviábel economicamente. Para iso o obxectivo é destruír o tecido produtivo, a industria e proxectos empresariais que sustentan as producións culturais galegas. En definitiva, liquidar os soportes polos cales poida fluír a nosa lingua, a nosa cultura propia e a nosa identidade.
O polbo do Carballiño, é dicir, o polbo galego, xa non se chama Xosé ou Xabier. Desde a milagrosa e patriótica actividade da selección española chámase Paul. Os alemáns, que non son parciais do polbo, tiveron que inventar algo para promocionarse neste tempo de anuncios e dobreces, e fixérono, como bos comerciantes. Nós, como bos servidores, démoslles a materia prima e agora a vivir da esmola desas riquezas -a idea-, que outros producen. Así é a nosa idiosincrasia, sempre tan fértil e enxeñosa.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#bautistaalvarez#code#org