07:19 Sabado, 18 de Maio de 2013
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-08-2012

Os «civilizados» europeos (neste caso os británicos) argallan como violar, unha vez máis, as leis e tratados que eles mesmos asinan, impoñen e utilizan para o seu único proveito

Assange: o cazador cazado

Valorar (21)

XURXO MARTIZ CRESPO



Durante o golpe de Estado contra Chávez en Venezuela, do 11 ao13 de abril de 2002, varias ducias de profesores universitarios, políticos e intelectuais venezolanos revolucionarios tentaron asilarse na embaixada do Estado español en Caracas, utilizando como intermediaria ante o embaixador a unha profesora española de estatística da Universidade Central de Venezuela.          

O día despois do golpe de Estado, a dereita venezolana foi na procura (unha caza de bruxas) dos cargos públicos que tiñan responsabilidades no goberno chavista. Casa por casa foron deténdoos sen orde de apresamento nin delito; o actual candidato á presidencia venezolana,  Henrique Capriles Radonski, chegou mesmo a dirixir unha masa embrutecida no asedio á embaixada cubana en Caracas ante a sospeita de ter no seu interior asilados do goberno revolucionario bolivariano.           
O embaixador español, de orixes galegas, Manuel Viturro de la Torre1, negouse a recibir na sede diplomática dos españois aos profesores universitarios, alegando ante a interlocutora que o asilo diplomático era unha figura xurídica propia dos países latinoaméricanos2. A profesora espetoulle a Viturro de la Torre que a embaixada francesa en Caracas tiña 60 asilados e non era unha república latinoamericana, feito este que pouco lle importou ao embaixador de Aznar en Caracas.          

Os feitos            

As legacións diplomáticas latinoamericanas no Madrid sitiado polas tropas fascistas (1936-1939) acolleron centos de españois. O lehendakari José Antonio Agirre e a súa dona viviron con pasaportes (panameño e venezolano) na Alemaña nazi.            

O consulado chileno de Gabriela Mistral en Lisboa acubillou o ourensán do POUM Alberto Fernández «Mezquita», que foi detido pola policía do réxime salazarista cando daba un paseo pero non no interior da legación diplomática.            

Cinco anos viviu o líder e fundador do APRA, Víctor Raúl Haya de la Torre na sede da legación diplomática colombiana en Lima (1949-1954), ante a negativa do presidente-xeneral Manuel Odría de concederlle o salvoconduto para saír da embaixada e poder marchar do Perú.             

Assange
           

O goberno británico ameaza con suspender o estatus diplomático da embaixada de Ecuador se lle concede o asilo político a Julian Assange  – sería a primeira vez en Occidente que isto acontecese- e asaltar a «ex embaixada»  como un domicilio particular en que se agocha un «delincuente».            

Salvando as distancias que o cinismo e diplomacia do mísil de Occidente impón ante os desvalidos e potenciais vítimas de medio mundo, a ameaza británica lembra a fosa que o xeneral Odría mandou cavar arredor da embaixada colombiana en Lima.            

Mentres a ditadura de Salazar en 1936 agardou o paseo do confiado Mezquita para secuestralo e entregalo aos fascistas de Franco, os «civilizados» europeos (neste caso os británicos) argallan como violar, unha vez máis, as leis e tratados que eles mesmos asinan, impoñen e utilizan para o seu único proveito.   

1. Os embaixadores de Estados Unidos, Charles Shapiro, e o do Estado español, Manuel Viturro de la Torre foron os únicos que visitaron o presidente golpista  Pedro Carmona Estanga un día despois do golpe de Estado.            

2. Conversa persoal coa profesora despois dos feitos aquí narrados. No Estado español a figura do asilo político está regulada pola Lei 12/2009, do 30 de outubro.    


[19-08-2012] Xosé Antón comentou:

Estes Estados violentos e inmisericordes negan tódolos Dereitos e todo o amparo da Lei a quen consideran seren os seus inimigos: lembrade o asasinato de Bin Laden polas tropas militatres dos E.U.A. en Pakistán; primerio, a intromisión dese exército noutro territorio soberano, sen sequer informaren ás súas autoridades, e. no canto de detelo e levalo a un tribunal penal (cunhas supostas garantías) elixiron a opción máis farorábel ignorando os dereitos fundamentais desa persoa e as leis internacionais, amosando unha vez máis que os Gobernos desas potencias imperialistas consideran que o Mundo debe cumprir os seus desexos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#bautistaalvarez#code#org