Nos próximos días, o goberno español anuncia "recortes moi severos", coincidindo coas vacacións estivais da maioría dos/as traballadores/as. Despois de pór en marcha o copagamento farmacéutico e a subida da luz e o gas coincidindo coa final da Eurocopa de fútbol, agora teremos "recortes moi severos" coincidindo cos meses de verbenas.
E case seguro que unha das reformas estivais será a eliminación do IVE reducido do 4% e 8%, que chegarán até o 18%. Neste momento, bens de primeira necesidade como o pan, leite, froitas e verduras, libros ou xornais tiñan un IVE do 4%. O IVE reducido do 8% era aplicábel á maioría dos alimentos, servizos de hostalaría e transporte de viaxeiros así como a calquera entrada para asistir ao teatro ou ao cinema.
Outra das medidas será o despedimento de miles de traballadores/as públicos. O PP recoñece que o goberno está disposto a despedir todos aqueles traballadores/as que non son funcionarios: interinos/as, traballadores/as de empresas públicas, etc, até alcanzar os 80.000 millóns de euros de "aforro". Isto, ademais da destrución de emprego, suporá a privatización da maioría dos servizos públicos. Medidas que aumentarán aínda máis o empobrecemento da maioría social do noso país, en lugar de atallar a crise parando a quen a produciu, que foron os especuladores financeiros. Aquí ninguén vivía por riba das súas posibilidades, eran eles os que gañaban e queren seguir gañando no casino das finanzas mundiais, a costa de empobrecer os principais activos da economía: a clase traballadora, a única que cría riqueza real.
Non sairemos desta crise se non se frea aos especuladores e ao poder financeiro, e mentres os gobernos sigan sendo títeres dos banqueiros. Os gobernos europeos saben que as medidas económicas que están aplicando só buscan seguir mantendo os beneficios do poder financeiro, a costa de eliminar dereitos sociais e políticos e de recortar liberdades.
O crack do 29 obrigou o goberno do EUA a regular o sistema bancario. O presidente Franklin D. Roosevelt promulgaría a Lei Glass-Steagall ou Lei "Banking Act" en xuño de 1933 para controlar a especulación financeira e así evitar unha crise como a do 29. "Prefiro rescatar os que producen alimentos que os que producen miseria" diría o presidente que tiña que afrontar a Gran Depresión. Esta lei obrigaba a total separación entre a banca de depósitos e a banca de investimentos. Tamén creaba un sistema bancario conformado por bancos estatais, nacionais e locais e prohibíalles aos banqueiros a participación nos consellos de administración das empresas industriais, comerciais e de servizos. Deste xeito, pretendían evitar a especulación cos cartos que a xente tiña depositados nos bancos.
A pesar desta lei, os bancos comerciais estadounidenses, con filiais na City Londres, participaron no crecemento dos mercados financeiros até que nos 70 comezaron a modificar a lei que sería derrogada por Bill Clinton en 1999, coincidindo coa fusión entre Travellers e City coa que nacería Citigroup. Así, desaparecía definitivamente a separación entre bancos e empresas de investimento.
Despois da crise de 2008, até o ex-director xeral de Citigroup John Reed, que encabezara o lobby para abolir a Lei Glass-Steaglla, considera que foi un erro e declárase arrepentido do seu papel no asunto.
Mentres que parte do capitalismo máis salvaxe comeza a verlle as orellas ao lobo, desde Wall Street seguen ditando as políticas que a Troika (Comisión Europea, FMI e BCE) se encarga de aplicar e fiscalizar nos países europeos, que xa non teñen gobernos, senón consellos de administración.
Só o BNG en Galiza é quen de defendernos fronte aos vetos aos nosos sectores produtivos e de presentar propostas políticas que lle permitan ao país levantar cabeza: Banca Pública Galega, e apoio aos sectores produtivos capaces de criar emprego e, polo tanto, riqueza.
[05-07-2012] Un comentou:
Benquerida Mitas;
Sigo sen ver, e gostaría moito entender, porque razón unha Banco Publica Galega sería mellor a unha Banca Privada -Galega- que fora eficiente, transparente, e funcionaría con criterios medianamente loxicos (por exemplo o B. Etcheverría, prestador neto ao BCE). Por exemplos as Caixas tiñan consellos de administración copados por cargos publicos -igual que unha Banca Publica-, e foron un desastre e principais culbabeis da crisis inmobiliaria na España. Ademais non tiñan dono, polo que non actuaban rexidos por intereses espureos dos seus socios (coma as entidades capitalistas).
Gustaria moito de que se deslindará a vosa proposta da Banca Publica desas Caixas. Por exempo, que ¿sería o xestor ou a equipa xestora desa Banca Galega Publica?
Os campos marcados con* son obrigatorios.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#bautistaalvarez#code#org