03:11 Domingo, 19 de Maio de 2013
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-07-2012

España sempre tivo un problema de identidade: ao non ser nación, sempre se perguntou a si mesma que era

España Fútebol Clube

Valorar (19)

XOSÉ MEXUTO



Xusto cando o Estado español cede soberanía en materias tan sensíbeis como a financeira ou a fiscal á UE xermanicamente globalizada, España como construción colectiva, como invención, quer refundarse arredor dunha bola e da sublimación dun deporte de masas.

España sempre tivo un problema de identidade: ao non ser nación, sempre se perguntou a si mesma que era. Era un Imperio, mas un imperio declinante, fracasado, tal e como foi alcuñado por Castelao. Mas non tan fracasado como para non conservar o seu dominio, a súa opresión, sobre as nacións que mantiña encadeadas, acorrentadas, a comezar por Galiza, sobre cuxa negación, desde o Reino Suevo, construíu toda a súa épica imperialista.

Agora España xa sabe o que é: unha selección de fútebol. Unha notábel e virtuosa selección de fútebol, constituída, iso si, sobre unha base de futbolistas que en condicións normais non defenderían a camisola española, mas a catalá. Mesmo como selección de fútebol España tamén ecoa vestixios imperiais.

Estes días, un españolismo infatuado desprega o seu frenesí chovinista por rúas e canles televisivas. Especialmente lastimoso é ouvir o seu “A por Ellos, A por Ellos, oé, oé, oé”, de indubidábeis resonancias fascistoides. Na construción chovinista sempre hai un “Nós” e un “Eles”, aos que hai que machucar. É curioso como o españolismo combina iso coa retórica pro-UE e pro-euro. Venden sen pestanexar o sistema financeiro a Alemaña (niso continúan coa tradición histórica, lembremos a prata americana viaxando cara terras teutonas) para logo tomarse cumprida vinganza sobre o relvado. O importante é o importante.

Estes españolistas e os seus vicarios galegos, todo colonia ten necesariamente os seus zipaios, son os que, desde que recuperaron o goberno galego, se preocuparon por eliminar a selección galega de fútebol. O mesmo contido simbólico que agora louban para ese constructo chamado España néganllo a unha selección que si sería nacional, a galega. Non queren a Galiza nin xogando partidos amigábeis, que xa se sabe que se comeza por aí e se acaba reclamando estar na próxima Eurocopa.

Son seareiro de fútebol desde que máis ou menos teño uso de razón. Lembro o penalti de Panenka. A Eurocopa de 1976. Daquela, en termos históricos onte, non existía como selección nacional a croata, nin a checa. Todo muda. Todo é posíbel se hai vontade colectiva. O dereito de autodeterminación é un proceso e é un proceso tan moderno como que na práctica se aplica todos os días. É un movemento obxectivo, que pode recuar, é certo, mas tamén avanzar. Algún día os imperialistas fracasados fracasarán de vez e terán que aturar a existencia da selección nacional galega, cos mesmos dereitos que calquera outra a ser tamén símbolo, no noso caso de emancipación.


[05-07-2012] Marcial comentou:

Non me chegaba con espertar todas as mañás lendo as indemnización millonarias dos directivos dos bancos e caixas, a suba da prima de risco, a diminución da autonomía dalgúns países da UE fronte aos mercados e a outros países máis poderosos, o repago dos mediamentos cando vou ao médico, a suba dos impostos, etc, que agora teño que ver a Eurocopa e gañar á selección pensando en política? Que vai ser o próximo, practicar sexo só con nacionalistas, tirar as camisetas que teña de cor vermella, non berrar "a por ellos" nos partidos do Celta? Por favor, por favor, que eu saiba, na selección había catalanes, manchegos, andaluces, madrileños, galegos (o médico o Sr. Cota é vigués) e todos xogaban por un único propósito. ¿Xogarían mellor ou sentiriádesvos máis afins a selección se se chamase Selección da República de España ou Selección dos Estados Independentes da Península Ibérica como se fixo coa URSS ou coa extinta Iugoslavia durante un tempo? Síntoo por vós, pero estades entrando no xogo dos que criticades; pode que non me sinta Español ou Europeo, pero ¿que é iso de sentirse algo? eu síntome eu, e como moito vigués, creo que me separan tantas cousas dos españois coma dos coruñeses ou dos ourensáns por exemplo, e non por iso son menos galego. Como sigamos así, dentro dun tempo haberá que facer nacionalidades por rúas ou edificios, ¿qué ten de malo formar parte de algo máis grande que a propia individualidade aínda que non esteamos de acordo co que fan? Sexamos sinceros, as veces sentímonos máis alonxados e máis oprimidos polos nosos familiares e/ou parellas ca polo estado español ou pola nación galega, e non por iso non pertencemos a unha familia ou deixamos de ter moz@, ou muller/home. Síntoo moito, pero eu, aínda que son galego, síntome máis próximo aos cataláns, andaluces, extremeños, asturianos, madrileños, etc, ca aos alemáns, croatas, italianos, portugueses, etc, tamén, polo que a miña selección é a que está formada por xente deses lugares, e cando haxa máis galegos, gustarame máis e sentireime máis orgulloso porque son xente que está máis preto de mín, pero non por que non os haxa vou a preferir que gañen os alemáns ou os checos só para fastidiar aos nacionalistas españolistas, que se fastidien eles sós por exclusionistas e totalitaristas, e o peor que podemos facer os nacionalistas galegos é ser igual ca os da ultradereita española pero no ámbito galego. Vigo está en Pontevedra, Pontevedra está en Galicia, Galicia está en España, España está en Europa e Europa está na terra, ¿se nos saltásemos un escalón e pasásemos de Galicia a Europa ou á terra sen pasar por España seríamos máis felices? ¿Poderíamos ver un partido de fútbol sen pensar en nada máis que en meter gol?
Eu son nacionalista porque creo que os que mellor defenden os nosos intereses son os que temos máis preto e porque ninguén sabe mellor o que necesita Galicia ca un galego e pola defensa da lingua e da cultura galega, pero quero ser un nacionalista integrador, non exclusionista, un nacionalista dialogante, non totalitarista, un nacionalista que respecte a opinión dos que pensan distinto de mín para despois poder demandar ese mesmo respecto para as miñas opinións, en definitiva, un nacionalista terrícola, non un nacionalista limitado que se sinte só galego e que os que están fóra da Galiza son malos e teñen cornos (non vos recorda iso ao que se dicía dos comunistas), e que nos queremos facer o mal, opresores. Ao final a liberdade está nun mesmo, porque oprimidos estaremos sempre se así nos sentimos (oprimidos primeiro polos nosos pais, despois polas nosas parellas, despois polos nosos xefes, despois polos nosos políticos...) Todos eses non son o inimigo, o inimigo son as nosas propias autolimitacións, a nosa propia autoexclusións. Todos somos persoas, aínda que pensemos diferente e nacésemos nun sitio distinto.
Para rematar, unha reflexión persoal: deixade ao fútbol tranquiliño, algunha camisola haberá que poñer para xogar e non confundirse co contrario, sexa vermella, azul celeste, blanquiazul, etc. e aos que o utilizan para os seus fin políticos... que lles dean, non lles sigades o xogo.

[04-07-2012] abelardo xosé del Caño Varela comentou:

Agora enténdese ben o tema da débeda do Estado Español...fiel reflexo da que manteñen os clubes de futebol co Estado. Non ten o Estado nin para a merenda dos presos.. pero sí para celebracions patrioteiras.Parabéns polo artigo

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#bautistaalvarez#code#org